Saturday 04 de May de 2024

O Concello aumenta de xeito gradual as tarefas de limpeza de toda a contorna urbana e rural


Estes traballos, parados polo estado de alarma, retómanse cada vez con máis intensidade ao longo do termo municipal de Vimianzo.
O Concello de Vimianzo aumenta de xeito gradual as tarefas de limpeza de toda a contorna urbana e rural, que comezaron ‘en tanto puidemos impulsalas de novo’, comentan desde o Concello. Estes traballos, parados polo estado de alarma, retómanse a diario con máis intensidade ao longo de todo o termo municipal de Vimianzo. Cabe destacar que o estado xeral era dun abandono importante e queda ‘moito traballo por diante, aínda que xa se sentaron as bases’, apuntan.
Estas accións están a realizalas un equipo de profesionais contratados pola administración vimiancesa, e aglutinan diferentes acometidas como rebacheo, asfaltado, adecentamento e reparación de mobiliario urbano ou desbroce. Para este compendio de accións, o Concello destinou un contrato de aproximadamente 150.000 euros. A estes traballos sumaranse tamén os que cometerán os traballadores de servicios múltiples do Concello e os novos contratados a través da vía provincial, polo PEL. A todos eles, a alcaldesa en nome do Concello fai extensible os ‘agradecementos en nome de todo Vimianzo polas tarefas encomiables e pola súa disposición’.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, incide na ‘paciencia de toda a veciñanza. Lamentamos non ter chegado aos máis de 130 núcleos de Vimianzo coa celeridade que todos merecen, pero tivemos que adiar a velocidade dos traballos debido ao contexto sanitario. Durante as vindeiras semanas están proxectadas unha serie de actuacións que tiñan unha gran demanda por parte dos habitantes destas zonas’,
asegura a rexedora.